A miña visita a Galopín
Hai pouco tempo fun convidado a visitar as
instalacións de Galopín en Cerceda. Intuía que se podía tratar dunha visita
interesante xa que coincidira nalgunha ocasión con Manu e tamén tiña traballado
co equipo de Galopín no desenvolvemento dun proxecto.
Pero estar alí, coñecer todo o equipo, ver
como e onde traballan e sentirme partícipe do seu ambiente, sorprendeume moi
gratamente. Logo, coñecer o proxecto de As Salgueiras, da man do propio Manu,
fascinoume.
A invitación de Galopín xurdiu a raíz do
proxecto do Xardín Celta que ideei con motivo da Exposición Universal de Arte
da Paisaxe que terá lugar en China no 2013.
Como resposta a esta acollida, pensei
que este blog sería un bo lugar para mostrar o proxecto e convidarvos a
todas/os a visitar a exposición que se
levará a cabo a partir de Maio do próximo ano en Jinzhou, ó nordeste de Pekín.
O concurso buscaba unir as diferentes culturas do mundo a través da arte da paisaxe. Cada concursante elixido, debía propor un xardín inspirado en elementos característicos da paisaxe da súa rexión. Neste contexto, o Xardín Celta resultou seleccionado e será realizado xunto con outros 19 xardíns de arquitectos paisaxistas de todo o mundo, formando parte dun gran parque de 176 ha.
vista
xeral xardín celta
O xardín, que
está inspirado nas formas dos castros, parte da superposición de diferentes
elementos circulares de distintos tamaños e funcións. No centro da parcela
proponse unha lámina de auga circular na que aparece un pavillón cilíndrico de
vidro para albergar un centro de interpretación da cultura celta. En torno ao
lago, créanse distintas situacións mediante actuacións topográficas. Por un
lado, volumes de pradería que estruturan o espazo e crean distintos puntos de
visión. Mentres, superficies circulares esculpidas no chan, serven para ir
descubrindo zonas de estar mais íntimas ou secretas.Con outra lóxica tamén de círculos aínda de menor tamaño, son introducidas no xardín distintas variedades de plantas rastreiras que aportan cores e texturas. Pequenas superficies de pradería para o desfrute dos visitantes e símbolos da cultura celta impresos en pezas circulares de formigón.
Todas as plantacións tanto herbáceas como arbóreas, son dispostas por todo o xardín sobre unha matriz de círculos de distintas dimensións que funcionan como pequenas gabias. A disposición das plantacións conforma os camiños creando os sentidos de circulación e favorecendo percorrer todo o espazo.
distintas vistas xardín celta
O xardín está
pensado fundamentalmente en dúas lóxicas. Por un lado, a grande riqueza de
situacións espaciais xunto co efecto de espello do ceo da lámina de auga e as
masas de plantacións ricas en cores e texturas. Por outro lado, a simboloxía
celta disposta por todo o xardín, tanto no chan como na fachada do pavillón,
que pretende espertar o interese dos visitantes e facer que estes descubran no
centro de interpretación, a cultura celta, a súa relación coa natureza e a súa
incidencia na nosa paisaxe.Durante o proceso creativo deste xardín, investigando a cultura celta, quedei fascinado coa relación que os celtas tiñan coa natureza. Dalgunha forma, como cando coñecín As Salgueiras e a súa defensa da Biofilia.
Martín Toimil