| Vista actual do interior do Muiño |
A visita ó muiño é
unha das miñas lembranzas de neno que mellor gardo na miña retina. A meirande
parte dos venres o saír da escola collía
rumbo con meu pai ata a casa de meus avós; cambiando o meu hábitat urbanita por
paraxe rural.
Nada máis chegar á
aldea “como deciamos por aquel intre os nenos e os que a tiñamos eramos moi
afortunados” estábame esperando meu padriño para ir o muíño cos sacos cheos de
gran de millo e con sacos baleiros para traer a fariña que se moera durante o
día; o recorrido era tenebroso a través dun monte cerrado de árbores polos dous
lados do camiño pero era bonito porque ía escoitando os contos da experiencia e
lendas encantadoras relacionadas có muíño que meu finado padriño me contaba.
Chegabamos o muíño
con día e abríamos a porta para que entrara toda a luz posible, era incrible
pero o muíño rexíase por un contrato de palabra que se facían chamar pezas;
cada peza supuña un dereito de 12 horas de molienda; había casas que tiñan
media peza e outras dúas, tres ou ata catro pezas. Agora dende a distancia do
tempo me sorprende a nobreza dos antecesores; todos respectaban este acordo das
pezas, transmitíanse os dereitos entre os distintos herdeiros de ahí que houbera
medias pezas e os que tiñan máis pezas era pola compra das pezas os outros
comuneiros que non as empregaban; todo esto na maioría dos casos sen ningún
papel e fundamentado na palabra; bastaban para que o muíño estivera sempre
coidado e preparado para o seguinte comuneiro.
| Vista do camiño ó Muiño (coincide cun tramo do Camiño Inglés) |
O respecto social
era máximo xa que o muíño sempre moia; a porta estaba sen fecho pero ninguén
osaba a roubarlle gran nin fariña a ningún dos comuneiros, aínda en tempos de
postguerra onde o problema da fame afogaba a moitos veciños dos lugares
limitrofes có muiños; todo o mundo se
dignaba a pedir alimento para alimentar as súas familias pero no muiño ninguén
collía gran nin fariña nun lugar onde soamente o vixiante era o propio muíño.
Cando chegabamos ó
muiño; meu padriño dábame unha clase maxistral; e preguntábame a lección porque
dicía que os muíños sempre quitaran moita fame e era moi importante entendelos.
Explicabame como a auga baixaba ó sotano do muíño e caia no rodicio que facía
oscilar o veo cá segarella; enganchando a pedra da moa e transmitíndolle
movimiento transformandose nun movemento centrífugo que facía xirar a pedra da
moa. O gran caia da moega polas vibracións da quenlla en contacto cá roda da
moa ó buratiño central desta; sendo aplastado contra o pé da moa “pedra circular
inferior a moa e fixa”; provocando a saída da fariña para os lados polo efecto
centrífugo. Meu padriño me dicía “cando non caia o grao baixa o tempero para
que non se deterioren as pedras e antes” e “antes de botar grao tira do
pechadoiro para cerrarlle o paso a auga no canal para despois accionalo e
arrancar o muiño”.
Esa pequena casiña
semellante a un xogo infantil nun conto de hadas; quitou a fame de moita xente
e do gando durante moitos séculos; pero tamén foi lugar de encontro de moitos
mozos que remataron sendo parexas despois de múltiples sesións de pandeireta e
gaita nese pequeno local social; un lugar de encontro que na actualidade todo o
mundo obia e descoñece cando está cheo de contos e lendas.
O muíño pasou a ser
historia cando os comuneiros compraron os muíños eléctricos e outros foron
abandonando o gando, polo que o vello muíño quedou esquecido, abandonado e por
se fora pouco vandalizado; na actualidade queda pouco máis que as catro
paredes….
| Vista actual do entorno do Muiño (mimetizado na natureza) |
Este fin de semana
acordeime do muíño do Cubo; facía máis de 25 anos que non o visitaba custoume
traballo encontralo; un pouco despistado polas pistas da parcelaria e pola
maleza existente que o circunda mimetizando cá paisaxe; pero tamén porque
ninguén fai camiño cara o muíño; quedando no olvido tanto no espacio coma no
tempo.
O muíño quedou en
silencio, perdeu ese son tan típico da cascada de auga polo canal que vertía
polo cubo ata o canetón, de igual xeito como se o pechadoiro estivera cerrado e
non circulara a auga; nin tampouco se sentía o ruído de roer cando remataba o
grao e tiñamos que baixar o tempero que
facía descender a mesa evitando o xiro do rodicio para no desgastar as pedras
do pé e da moa; nin tampouco as pandereitas nin gaitas típicas de moitas noites
de foliada alumeadas con velas e candiles de cera, nin as rans que vivían nunha
canal que agora non leva auga, nin os grilos, nin os paxariños que cantaban o
cambio de peza e polo tanto de comuneiro; pero o muíño no fondo síntese
orguioso porque promulgou normas, respecto, sociabilidade e quitou a fame de
varias aldeas, permitindo vivir a moitos veciños en base o seu peculiar
xira-xira…